Jesús Martínez traballa como párroco na parroquia do Sagrado Corazón de Xesús de Vigo, situada na rúa Rosalía de Castro 56 da mesma cidade, onde se lle realizou a entrevista.
Jesús naceu en Salvaterra do Miño e ten corenta e oito anos. Jesús chegou ata Vigo no ano 2000 e comezou a traballar nunha asociación no antigo hospital Xeral Cíes. Decidimos preguntarlle unhas cuestións acerca do Islam, para comparalas coas respostas dadas por Abdel Uzairi; desta maneira podemos ver cales son as opinións acerca do mesmo tema de integrantes de dúas relixións diferentes.
1. Como ve a presenza do Islam na actualidade en Vigo, en Galiza e en España?
A miña visión é que, en xeral, está crecendo o número de persoas procedentes de zona islámica, aínda que en Galiza menos. Hai comunidades islámicas, sobre todo da África subsahariana, que se están a integrar moi ben na sociedade galega. Tamén moitos musulmáns chegan a Vigo polos traballos no mar e a día de hoxe non hai ningún conflito ou dificultade de relación entre a poboación local e estes grupos. É interesante que na parroquia participen musulmáns en clases de castelán e que, habendo unha mesquita e un centro cultural en Vigo, que asistan ás parroquias católicas e non a estas instalacións. Nunca opuxeron ningunha dificultade poñendo a relixión como diferenza.
2. Como ve ás outras relixións coma o islam fronte á súa, que é o cristianismo?
Todas as relixións queren convivir en paz e sen conflitos, porque é esa a mensaxe que traslada Deus. Demos un curso sobre atención relixiosa a diferentes grupos de emerxencias na Fundación Pluralismo e Convivencia, que é a fundación estatal que trata de facilitar a boa sintonía entre as diferentes relixións, e podo afirmar que todas as relixións teñen o mesmo obxectivo: convivir e respectarse.
3. Como definiría brevemente o Islam?
O Islam é unha tradición relixiosa nacida nunha cultura moi rica que trata de descubrir a un Deus que é pacífico, integrador e onde todos somos os seus fillos. En relación co cristianismo, habería o plus de Xesús, xa que aínda que o Islam cre nel como un profeta máis, no cristianismo hai o plus de que os cristiáns cremos que Xesús é o fillo de Deus.
4. Cre que os fieis da relixión islámica atentan contra outras relixións?
O 99% dos fieis do islam son xente integradora, pacífica; o 1% do islam é fanático como tamén outra porcentaxe do cristianismo é fanático. Segundo a fe isto non está xustificado para ningunha relixión, pero algúns deses fanáticos tentan xustificar a violencia cunha mentalidade que, salvando os moitos séculos de distancia, deuse nas Cruzadas católicas.
5. Opina que as persoas que cometen atentados terroristas teñen o amparo de Deus? Entende as causas?
Ningunha violencia ten xustificación, e menos xustificación relixiosa. Segundo o punto de vista cristián é un pecado, porque vai en contra do Deus no que cren os cristiáns. Xesús, coma outras persoas importantes doutras relixións, foi vítima da violencia e se este foi vítima da violencia non podemos exercela contra os demais.
6. Ve interesante o estudo da historia do islam en profundidade nos centros educativos e por que?
Vexo necesaria a formación en todo tipo de cultura relixiosa, non só para entender a historia senón tamén para entender as culturas que poidamos visitar na nosa vida. Creo moi necesario o entendemento da relixión católica para entender a nosa historia, sobre todo a de España.
7. Entre algúns historiadores hai moitas disputas sobre a chegada de saberes filosóficos, moitos deles de orixe grega. Algúns destes afirman que estes coñecementos chegaron a través de Al-Andalus e do Islam mentres que outros defenden que nunca chegaron a través de Al-Andalus, senón por outras vías. Gustaríamos saber a súa opinión sobre estas posicións tan discrepantes.
A miña opinión é que España tivo a sorte de ter distintas fontes de coñecementos, non poñería a distinción entre gregos e Al-Andalus. Agradezo que España teña a riqueza das culturas árabe, grega e romana. En relación á árabe temos a sorte de ter moitos sabios de moita influencia en España. En Galicia temos tamén a cultura celta. España posúe unha cultura enriquecida por moitas culturas, o que tamén ocorre en moitos pobos ou países. O que só ten a influencia dunha cultura é pobre en cultura. En Galiza houbo unha época na que nos trataron como con pouca cultura, pero na verdade os galegos podemos chegar a ser das culturas máis ricas. En Galiza somos un pobo moi respectuoso con moitas culturas, porque temos a Santiago de Compostela ao que chegan moitas persoas ao ano de moitas culturas distintas, o que nos enriquece, e porque ao emigrar moito temos contacto con grandes culturas e asombrándonos de moitas cousas diferentes. Os galegos somos como as portas dunha casa antiga: cando chega alguén novo abrimos a porta de arriba e no momento que collemos confianza abrímoslle a porta de abaixo.