Abdel Uzairi traballa como representante do Centro Cultural Islámico de Vigo, situado na rúa Gregorio Espino 47 da mesma cidade, onde foi entrevistado, e foi inaugurado o cinco de setembro do ano 2020.
Abdel naceu en Marrocos e a súa idade é de trinta e seis anos e chegou a Galiza por agrupación familiar. A Abdel relizóuselle unha entrevista para coñecer a opinión dun coñecedor do Islam acerca de temas conflitivos a día de hoxe sobre esta relixión.
1. Como ve a presenza do islam na actualidade en Vigo, en Galiza e en España?
O Islam a día de hoxe é unha parte máis da nosa sociedade. A terceira xeración das familias musulmás naceron aquí, polo que non coñecen outra cousa que o país onde naceron, entón os seus costumes e cultura son semellantes ao todos os cidadáns. Os meus dous fillos naceron en Galicia e son musulmáns, os seus costumes e cultura son esencialmente os mesmos que o do resto de galegos. En Galiza a día de hoxe hai 5.000 galegos convertidos ao islam, e 3.000 destes 5.000 son vigueses. En España, dous millóns. Por iso vexo esta presenza dunha maneira moi optimista.
2. Como ve ás outras relixións coma o cristianismo fronte á súa, que é o islam?
Os musulmáns tratamos con respecto os demais e queremos ser nós tamén ser tratados con respecto. Os musulmáns cremos, ao igual que os cristiáns, na Biblia, pero con pequenas diferenzas: cremos que María é a muller máis santa de todas, ao igual que os cristiáns, pero non cremos que Xesús sexa o fillo de Deus, como o fan os cristiáns, senón que para nós é un profeta máis enviado por Deus ao igual que Mahoma. Xesús naceu, morreu, tiña que beber... Deus non naceu nin morreu nin necesitaba beber auga, existiu dende sempre. Eses matices e moitos máis son, para os musulmáns, o que fan que para nós Xesús non sexa o fillo de Deus. O Islam é unha relixión tolerante, de maneira que en países como Siria, Exipto, Iemen, Turquía, conviven diferentes relixións como o cristianismo, o islam ou o xudaísmo, baixo un poder musulmán. En Al-Andalus ocorría o mesmo, durante oitocentos anos convivían diferentes culturas (cristianismo, xudaísmo e islam) en perfecta harmonía, pero coa Inquisición, matouse, desterrouse e perseguiuse a todos os que non creran no catolicismo, cousa que non ocorreu en Al-Andalus; polo que si que podemos afirmar que o islam é unha relixión tolerante e que tratamos aos demais con respecto. Cando o Islam estaba en España, todas as relixións convivían entre si, pero na conquista cristiá botaron a todos aqueles que non pensaban o mesmo que eles. A fe é unha opción na que elixes o camiño que desexas. Por esa libre elección terás que pagar no día de mañá, para ben ou para mal. Para nós, a vida é como un exame, temos un principio e un fin, temos que sacar a mellor nota nesta vida para continuar na seguinte.
3. Como definiría brevemente o Islam?
O Islam é un tesouro pouco descuberto en occidente e que temos que coñecer mellor. A sociedade ten unha percepción acerca do Islam totalmente falsa, adóitano ver como machismo, violencia ou terrorismo e todos estamos contaminados a respecto disto. Hai xente que quere que a percepción do Islam sexa totalmente mala, e contra iso eu animo a ler, a comparar, a adquirir coñecementos para intentar, pouco a pouco, cambiar a imaxe do Islam ao lado correcto. Eu vivín un exemplo parecido cos rusos. Ao ver filmes americanos, os cales os rusos píntanse como mafiosos, violadores, etc. Eu cheguei a Rusia nunha viaxe pensando isto, por esa experiencia propia desminto todo isto afirmando que o pobo ruso é un pobo encantador, que se fai falta bótache unha man. Ao final os rusos son todo o contrario ao que nos poden pintar neste tipo de filmes.
4. Cree que os fieis da relixión islámica atentan contra outras relixións?
Unha persoa que mata en nome de Deus está enferma, Deus non quere iso, non permite ningún tipo de violencia, polo que a persoa que quere convencerse de que mata en nome de Deus non mata en nome deste, senón que mata en nome da súa mente enferma. O Islam é unha forma de vida, o interese egoísta está prohibido polo Islam. Hai moita xente que está interesada na imaxe do Islam, a maioría das persoas que se converten ao Islam son médicos, escritores, sabios... persoas ás que lles gusta ler e comparar. A comparación vaite levar a diferentes escenarios, poderás crer máis no teu ou cambiar a túa opinión radicalmente, porque algo sempre vai vacilar.
5. Opina que as persoas que cometen atentados terroristas teñen o amparo de Deus? Entende as causas?
Non podemos considerar aos terroristas como islámicos, cristiáns... Ambas relixións cremos nun único Deus e ese Deus non permite a violencia, polo que eses enfermos non se poden considerar fieis de ningunha relixións. Referíndome aos terroristas considerados islámicos un dato moi importante é que o 95% das súas vítimas son musulmáns. Non podemos xulgar a un cuarto da poboación mundial por catro fanáticos que atentan contra a humanidade.
6. Ve interesante o estudo da historia do islam en profundidade nos centros educativos?
O estudo do Islam é unha parte moi importante da educación a día de hoxe. Para que poidamos entender a historia de moitas partes do mundo temos que entender a civilización árabe, que achegou múltiples coñecementos, sabedoría, culturas, totalmente novas, que marcaron, para ben, a nosa historia.
7. Entre algúns historiadores hai moitas disputas sobre a chegada de saberes filosóficos, moitos deles de orixe grega. Algúns destes afirman que estes coñecementos chegaron a través de Al-Andalus e do Islam, mentres que outros defenden que nunca chegaron a través de Al-Andalus, senón por outras vías. Gustaríamos saber a súa opinión sobre estas posicións tan discrepantes.
Para todos nós a historia da humanidade é moi longa e cada civilización chega ata un punto, e a civilización seguinte vai subindo ese punto da anterior. Unha vantaxe da civilización árabe foi que se expandiu moito cara lugares onde recolleu moitos coñecementos novos, especialmente gregos, e mellorounos desenvolvéndoos e ampliándoos. Despois desta ampliación a civilización repartiu estes coñecementos e saberes adquiridos e mellorados por moitos lugares, o que supuxo a mellora da cultura naqueles tempos, baseándose na primeira palabra do Corán, “le”, que animou a buscar coñecementos novos e a adquirir sabedoría nova, e a repartila por Europa e polo mundo Islámico. Isto aféctanos directamente a nós a día de hoxe, e nunca imos saber como sería o mundo se non existira a civilización árabe. Todos temos que ir da man para continuar mellorando o mundo.