26 Aug
26Aug

Que achegou o Islam á sociedade galega de hoxe en día? 

Esta é a pregunta que nos facemos Antón Justo, David Martínez, Leo de Santiago e Pedro Espada, catro alumnos de 2º da ESO do IES República Oriental Uruguai de Vigo. Para respondela, decidimos comezar un proxecto de investigación, seguindo varios pasos.

O primeiro paso foi ler. Pedímoslle a Carlos Lixó, o noso profe de historia e coordinador, que nos dese algúns artigos ou libros para ir comezando, e coa súa axuda fomos capaces de coñecer certas cousas do que se fixera sobre este tema antes de nós comezarmos a traballar nisto. Así elaboramos o noso marco teórico. Contamos para analizala e comentala coa compañía de Xabier Xil, profesor de galego.

Para poder construír a nosa propia visión, foi necesario coñecer un pouco máis do tema. Entón estivemos estudando e aprendendo historia de Al-Andalus. Engadimos un apartado no que resumimos o que nos pareceu máis importante deste período, baseándonos no libro de texto dixital Netex que utilizamos na materia de Xeografía e Historia.

A continuación quixemos saber o que pensaría a nosa contorna ao respecto, de maneira que fixemos unha enquisa para descubrir o que pasa no noso centro: cal é o coñecemento do islam e que actitudes ten o alumnado e o profesorado. Así, co asesoramento de Adela Rodríguez e Mariña López de matemáticas coñecemos un pouco como funciona o CIS e como é a metodoloxía de investigación cuantitativa.

Finalmente, quixemos coñecer persoas que coñecesen o tema de primeira man e por iso decidimos probar co xornalismo e entrevistar a dúas persoas relevantes nas comunidades islámica e cristiá de Vigo, Abdel Uzairi e Jesús Carracedo. Así descubrimos como se pode investigar tamén de maneira cualitativa.

Con todo isto tentamos coñecer un pouco máis do Islam e do cristianismo, pero tamén da historia de Vigo e de Galiza. Tamén coñecemos máis do centro no que estamos e das persoas que o forman. E sobre todo, demos os primeiros pasos na investigación, que seguro que non serán os últimos.  

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.
I BUILT MY SITE FOR FREE USING