22 Jul
22Jul

A ocupación musulmá Peninsular: Al-Andalus 

A desaparición do Estado visigodo e a formación de Al-Andalus, supuxo a integración de parte da península Ibérica na cultura islámica durante case oito séculos. En 1492 rematou a historia de Al-Andalus, pero non a dos andalusís. 

OCUPACIÓN MUSULMÁ E FORMACIÓN DE AL-ANDALUS 

Debido a tensións políticas no goberno do estado visigodo, os musulmáns que viñan dominando o norte de África dende o século VII, acudiron na axuda da familia do anterior soberano, previa petición deste, que estaba sumida nunha guerra co Rei Rodrigo, o monarca en exercicio do poder. O bérber Muza e o xeneral Tariq acudiron á súa chamada e derrocaron a Rodrigo na Batalla de Guadalete, no ano 711, ano no que a cultura islámica penetra na Península. 

Posteriormente os musulmáns ocuparon as principais cidades visigodas incluíndo a capital, Toledo. A ocupación foi sinxela, debido a que os visigodos non opuxeron apenas resistencia, incluso algúns nobres estableceron pactos de submisión cos seus ocupadores, aínda que, en casos puntuais libráronse batallas. O resto da poboación mantívose indiferente fronte o cambio de goberno, debido ós altos impostos do Reino Visigodo. Podemos ver esta ocupación como unha prolongación do dominio no Mediterráneo por parte da relixión Islámica. 

Durante esta ocupación a Península dividiuse en dous territorios: Al-Andalus, a parte ocupada polos musulmáns, e os reinos Cristiáns do norte, que tiñan certa dependencia de Al-Andalus pero a súa poboación non estaba convertida ao Islam, así xurdiron novos reinos como o de Castela ou o de Gallaecia-León.  

EVOLUCIÓN POLÍTICA DE AL-ANDALUS: Emirato, califato e taifas

Emirato dependente (718-756) 

Unha vez rematada a ocupación Al-Andalus converteuse nunha provincia máis do Califato omeia de Damasco. Estableceuse a capital en Córdoba e os seus gobernantes adquiriron o título de emir ou valí do Califa de Damasco, capital do Imperio (actual Siria). 

O Imperio quería seguir expandíndose e decidiron facelo cara o sur da Galia,  unha vez rematada a ocupación da Península. Os francos detiveron a estes na Batalla de Poitiers (732) e retiraron as bases do Imperio na Galia e viron freado o intento de ocupación de parte de Europa. 

A poboación en Al-Andalus dividiuse e formaron dous grupos: os árabes, que conformaban a aristocracia e asentáronse nas cidades, e os bérberes, que formaban a parte grosa do exército e asentáronse en zonas rurais. 

Emirato Omeia de Córdoba (756-929) 

Trala revolución abasí a capital do califato trasládase a Bagdad, coa que o emirato de Córdoba non mantiña boas relacións, así pois despois de fuxir da matanza omeia, Abd Al Rahman I instálase en Córdoba e restaura o poder omeia en Al-Andalus proclamando un emirato independente, aínda que os gobernadores andalusís seguían tendo dependencia relixiosa do Califa de Bagdad, pero non dependencia política nin militar, polo que eran emires. A principal diferenza entre califa e emir é que o califa ten a autoridade relixiosa, política e militar, mentres que un emir non as ten, senón que funciona como representante do califa nun territorio determinado. Pero no emirato independente de Córdoba, caso excepcional, o emir ten a autoridade política e militar, pero non a relixiosa, que segue dependendo do califa, por iso falamos do emirato independente. 

Abd Al Rahman I comezou a mellorar aspectos de Al-Andalus coma o exército, desfacéndose de rebelións internas, e proclamou unha dinastía. Durante o avance desta dinastía foron mellorándose outros aspectos como a burocracia ou o cobro de impostos co poder exercido Abd Al Rahman II. 

Despois disto Al-Andalus comezou a debilitarse, debido a múltiples razóns como rebelións internas que cuestionaban a autoridade do emir. En moitas rexións xurdiron poderes, denominados caudillos, que se negaban ao cobro de impostos en moitas, ocasións. Esta debilidade foi aproveitada polos pobos cristiáns do norte que se reorganizaron e comezaron a invadir parte do norte de Al-Andalus, todo isto ata a chegada ao poder de Abd Al Rahman III.

Califato de Córdoba (929-1031) 

Cando Abd Al Rahman III herdou o poder a comezos do século X, cando o emirato estaba moi debilitado e só controlaba Córdoba e os seus arredores, logrou a pacificación completa de Al-Andalus ao imporse sobre os gobernadores que lle xuraron obediencia. 

No ano 929 Abd Al Rahman III proclamouse califa facendo que os poderes políticos, militares e relixiosos recaeran sobre el, conseguindo así a independencia completa de Al-Andalus fronte o califato abasí. Durante o seu mandato conseguiu reter a presión dos reinos cristiáns, facéndoos retroceder, e mantivo contactos con outros reinos europeos e co Imperio Bizantino para manteren, entre eles, relacións comerciais. 

O califato foi o período de maior esplendor económico e cultural de Al-Andalus, floreceron as artes e as ciencias, e Córdoba converteuse na cidade máis importante de Europa.  

O último cuarto do século X estivo dominado pola figura de Abu Amir Muhamad (Al Mansur). Este era membro dunha familia árabe con poderío en Alxeciras, e tamén en parte do Magreb, en menor medida. Este asesoraba á corte omeia en Córdoba. Al Mansur autoproclamouse califa e conseguiu desprazar ao califa en exercicio do poder, sendo este aínda neno. Al Mansur estivo apoiado por algúns gobernadores locais, pero outra parte decantouse pola permanencia no poder do antigo califa, isto somerxeu ao califato nunha crise profunda e en guerra civil, da cal non conseguiu saír quedando partido Al-Andalus nos reinos de taifas. 

Reinos de Taifas (XI-XII) 

A partires do século XI a inestabilidade política e a sucesión de guerras civís acabaron co estado que formaran os omeias. Debido a esta inestabilidade comezou un período de dispersión no que os califas perderon a súa autoridade, polo que o poder político fragmentouse e formáronse pequenas dinastías que foron coñecidas como “reis de taifas”. Tralo colapso do califato, Al-Andalus quedou dividido en reinos independentes, coñecidos como “reinos de taifas”, cada un coa súa respectiva capital. 

A división nos reinos de taifas foi progresiva, nos primeiros anos (1031-1045) independizáronse 27 taifas, coma a de Almería, Granada ou Zaragoza. 

Esta división favoreceu o avance dos reinos cristiáns dende o norte, debido á falta dun poder centralizado, o que supuxo a desorganización militar (a primeira taifa que se tomou foi a de Toledo no 1085), pero aínda así as taifas foron un período culturalmente moi rico.  

A presión exercida polos cristiáns obrigou a que algúns reis andalusís a pedir axuda aos almorábides, un novo imperio no norte de África. Estes estenderon o seu control á metade sur da Península o que fixo que Al-Andalus pasase a formar parte do Imperio Almorábide coma un territorio periférico. A economía viuse reforzada e a sociedade consolidouse esencialmente urbana. 

Algúns territorios rebeláronse contra o goberno almorábide e independizáronse deste establecéndose novos territorios musulmáns con gobernos independentes, o que se coñece coma segundas taifas. 

Os almohades, unha poboación bérber, fixéronse co control do Imperio Almorábide tomando a súa capital, Marraquex, en consecuencia, acabaron dominando Al-Andalus, todo isto no ano 1147.  

Os almohades expandiron razoablemente o seu territorio pero sufriron certas derrotas, coma na Batalla das Navas de Tolosa a mans do rei cristián Alfonso VIII, que supuxo o inicio do declive, ata que no 1269 foron desprazados polos benimeríes, outra dinastía norteafricana. 

Ao descompoñerse o Imperio Almohade formáronse os terceiros reinos de taifas durante un curto período de tempo que estiveron acosados polo avance dos cristiáns. 

Reino Nazarí de Granada (1238-1492) 

O reino Nazarí de Granada está considerado coma o último territorio dominado polos musulmáns na Península. Ibn Nasr formou este territorio ao tomar o control dunha das antigas provincias do califato Almohade proclamándose emir desta e formando a dinastía Nazarí. 

Devandito reino foi un importante punto de comercio entre o Magreb e a Europa Cristiá, e atravesou un gran período de esplendor con Granada como capital. E mantivo a súa independencia grazas ao pagamento de tributos á Coroa de Castela. 

Debido ás loitas internas da dinastía Nazarí por tomar o control do reino, despois de séculos de decadencia do Islam en occidente, os cristiáns dos Reinos de Castela e de Aragón comezaron a invadir faccións do territorio aproveitando o momento de debilidade da situación. Sucesivas caídas coma a de Málaga no 1488 e o cerco sobre Granada no 1491 provocaron a desaparición do último territorio musulmán na Península no ano 1492, tras case tres séculos de existencia deste mesmo reino e de oito séculos de existencia de Al-Andalus.  


Os reinos cristiáns peninsulares 

ORIXE E EXPANSIÓN DOS REINOS CRISTIÁNS 

Como xa se expuxo anteriormente no ano 711 a fragmentación do estado visigodo supuxo a integración de máis de metade da Península no mundo Islámico. Mentres que no resto xurdiron núcleos de resistencia que tiñan en común que todos crían no cristianismo, pero politicamente eran independentes. 

No norte xurdiron diferentes territorios, o coñecido como reino de Galicia, e a Marca Hispánica, instaurada por Carlomagno para defender o Imperio Carolinxio dos musulmáns. O reino de Galicia fragmentouse ao igual que a Marca Hispánica cando determinados condados adquiriron independencia e formaron novos reinos. 

Estes reinos, pouco a pouco, iniciaron un proceso de conquista e organización política do territorio ocupado polos musulmáns, este proceso finalizará no 1492. 

Reconquista ou conquista? 

O termo Reconquista está moi popularizado, pero sen embargo os historiadores critican a falta de precisión de devandito termo para designar o proceso de expansión miliar dos reinos cristiáns. Así este termo nunca foi utilizado na Idade Media, senón que foi unha construción de finais do século XIX. 

Este termo induce a pensar que se recuperou un espazo previamente conquistado, pero na realidade é que os núcleos de poboación do norte nunca controlaran o territorio ocupado polos musulmáns. Debido á diferentes razóns como a descontinuidade nas batallas e os bandos enfrontados cuestiónase a “reconquista” como tal, é dicir, constante e uniforme. É difícil pensar que se mantivese unha alianza común entre os cristiáns contra os musulmáns, porque se produciron alianzas mixtas. 

Isto fainos utilizar o termo conquista.  

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.
I BUILT MY SITE FOR FREE USING